OUFF + Cineclube Padre Feijóo = + cinema en 2012
Ene 10
O Festival de Cinema Internacional de Ourense e o Cineclube Padre Feijóo veñen de anunciar unha nova edición da súa colaboración para ofrecer unha programación estábel de cinema independente para 2012.
Inauguran o ano repasando o palmarés da última edición do Festival de Cannes con filmes xa estreados en salas comerciais pero que agora poderanse ver en versión orixinal subtitulada (quero pensar que é así) e a un prezo de crise: 4€ (desempregados, estudantes con carné universitario e maiores de 65 anos, a 3€).
A cita é os mércores con dous horarios, 20:30 e 23:00, no Cinebox e os primeiros filmes: The Tree of Life, Melancholia e Le gamin au vélo. Para o mes de febreiro o menú será de cinema político con Habemus Papam, Four Lions e Il Divo.
Parabéns para a xente de Ourense e arredores que van ter máis unha outra oportunidade para ver bo cinema en pantalla grande.
(Vía: Churima Ceive)
A Coruña a través dos ollos dunha malaia
Ene 9
Non sei que relación ten a debuxante e ilustradora malaia Hwei Lin Lim con Emma Ríos (creo que fora un programa de intercambio de debuxantes ou algo así, pero agora mesmo non o atopo no seu blogue) pero realizou este pequeno conto ambientado na Coruña.
‘Dear Wonderful World’ é a historia dunha nena que vai cumprindo os desexos que nalgún momento a xente tivo e vai visitar a un camareiro coruñés. Cun estilo colorista e moi axeitado para o que conta lévanos de paseo pola cidade e coñecemos un pouco máis da historia do protagonista.
Se vos gusta a historia sabede que a autora está pensando en facer unha tirada limitada en papel, así que estades interesados deixádelle un comentario no seu blogue.
Vía: @emmartian
Web | Tumblr | Live Journal | Twitter
Sementes de sonhos. Músicas de Galiza e Brasil
Ene 3

Tres cantantes galegas da altura de Guadi Galego, Uxia e Ugia Pedreira, e tres músicos brasileiros (Fred Martins,Guilherme Fernández e Sérgio Tannus) darán un concerto dos que nos se poden perder, achegando as dúas beiras do Atlántico, o venres 20 de xaneiro ás 21:30 no Auditorio de Galiza, en Santiago de Compostela.
O concerto está organizado pola Escola de ensino galego Semente e a entrada costa só 10 € (pódense mercar os billetes en Discos Gong, no C.S. A Gentalha do Pichel ou reservar no mail info (arroba) sementecompostela (punto) com)
Sementes de música. 3 sereias e 18 cordas.
Vía: Aitana Punkdereteira
They Are Out There. Novo disco de Samesugas
Ene 2
Os discos que saen a finais de ano non teñen suficiente percorrido para aparecer nas listas do mellor do ano e xa están un pouco esquencidos para as do seguinte. Pero sexa como sexa este disco debe estar nelas. Nas dúas, se fora necesario.
Samesugas confirman con este ‘They Are Out There’ o bo momento artístico polo que pasan. Trece cancións do rock máis directo, cheo de guitarras esmagadoras e ritmo inmisericorde.
Na súa web podedes escoitar e descargar cinco cancións, incluida Tóxico Injecta, con letras de Lois Pereiro.
Se Samesugas tocan na vosa vila ou preto, non o dubidedes, ide ata alí e deixade que o seu poderoso son vos leve a cabeza por diante. They Are Out There!
O deseño do disco e demáis imaxes son obra da xente de elpulpo. Puro estilo anos 1950-60.
Vía: @LIXOURBANO
Web |
Seguimos vivindo como galegos
Oct 26
Xa van cinco anso do primeiro anuncio de “Vivamos como galegos!” e Gadis quere celebralo con un novo e épico anuncio.
Toda a campaña durante estes cinco anos de “Vivamos como galegos!” foi obra da axencia de publicidade BAP & Conde. A campaña dos supermercados recolle tópicos e situacións que deberían facer que nos sentísemos orgullosos dos produtos e a vida en Galiza.
Coa que está a caer (e non falo do temporal/outono) estaría ben que o peito inchado que se lles queda a algúns despois de ver o anuncio servira para algo máis que para gritar “Vivamos como galegos!” e que Gadis aplicara a filosofía dos seus anuncios ó día a día dos seus supermecados e o uso do galego.
1.000 anos máis para anuncios como este!
(vía: @BREOGANH)
A canción do verán: Gran enquisa final
Ago 23
Os tempos son chegados. Ante a ausencia de novas candidatas é hora de facer reconto e de que o pobo fale. Hai oito candidatas a Canción do verán e un grupo a maiores.
Para votar só tedes que ir aquí, á páxina en Facebook da Sardiña. E para os que sexades de natural dubitativos poderedes votar a máis dunha canción.
A enquisa remata o domingo 28 ás 00:00 (GMT +1).
Que gañe a mellor e non deixedes de bailar e pasalo ben!
(A fotografía ‘Dancing @ Summer Jamboree’ é obra de lafra)
A canción do verán (IX): De la Cruz Show
Ago 22

Este repaso da canción do verán pode que me quedara moderno de máis e lonxe dos gustos populares. Porque se nalgún sitio está a canción do verán neste país é nas orquestras. Podería escoller algunha das grandes ou descubrir unha máis pequena, pero non teño ningún tipo de coñecemento sobre o tema. Por iso o que vou facer é presentarvos a alguén por debaixo na categoría, como son os dúos.
O que vos traio é unha auténtica xoia. O nome: De la Cruz Show. A verdade é que non sei moito máis do que podemos ver nos seus vídeos, pero para comezar a coñecelos non está mal.
De la Cruz Show é unha parella de dous rapaces sen moito aquel e vestidos coa roupa de diario mercada na feira no que un canta, anima e toca o órgano e outro fai coros e baila. Non lle fan de menos a nada e tocan en calquera sitio: celebracións sociais (vodas, bautizos, comuñóns…), residencias de maiores, festas populares, na rúa, etc. Non sei o seu caché pero a verdade é que non paran e téñeno ben montado. DCS gravan todas as súas actuacións con dúas cámaras: unha para gravar o público e outra para gravarse a eles mesmos, podendo comprobar así a boa aceptación que ten o seu espectáculo e como responde o público.
O seu repertorio é amplisimo, como corresponde a este tipo de agrupacións, e podemos atopar dende os últimos éxitos internacionais ou estatais, repertorio popular galego e español, clásicos españois, etc. Que fique claro que, como tamén é común neste tipo de grupos, o uso do noso idioma brilla pola súa ausencia e fan ampla gala de machismo (sen dúbida cuestións por resolver e eles dan o que o público pide… ou ó revés).
Aquí unha pequena mostra:
Algún de vós viviu a experiencia de ver a estes dous artistas en directo? Tedes máis información sobre eles? Poden ser a canción/grupo do verán?
Eu pola miña parte non teño máis achegas, así que se vós tampouco tedes nada novo mañá subirei a enquisa para a batalla final pola canción do verán.
(Grazas a Miro que me descubriu esta marabilla)
A canción do verán (VIII): Shit Pony – O lugar onde eu repouse
Ago 10

Lois Pereiro non está morto. Vale, si que está morto, pero xa que este ano foi o homenaxeado no Día das Letras tivemos unha boa chea de produtos relacionados coa súa persoa e tamén puidemos aprender algo.
Snob Megalove, Alex Koplobitch e Ser Jordi Lannister poñen música a versos deste poeta maldito a un ritmo que levantaría a un morto. Así é a música de Shit Pony!
Aquí podedes escoitar a canción ‘O lugar no que eu repouse’ e logo decidir se queredes facer dela a canción do verán.
A canción do verán (VII): Terbutalina – Cheiras
Ago 9

Outra das características da canción do verán é a súa capacidade para glosar ou salientar as actividades e carasterísticas do período estival. E iso é o que fan os Terbutalina no seu tema “Cheiras”.
Bailar, suar, saltar e volver a suar. Ese pode ser o resumo de moitos dos días de vacacións e é o leimotiv do tema “Cheiras” incluido no último EP de Terbutalina titulado Que-de-leite!
Escoitádeo aquí e xa me contaredes que vos parece.
Falei da saída do EP de Terbutalina nesta entrada e agora tócalles ser candidatos a canción do verán.
Terbutalina presentaron a súa propia candidatura a canción do verán no Twitter e vós podedes facelo tamén nos comentarios ou na páxina da Sardiña de Facebook.
A canción do verán (VI): Dios Ke Te Crew – Dame ighual
Ago 8
Comeza esta segunda semana do mes de agosto e traemos un novo ritmo á busca da canción do verán. O ritmo é o do hip hop que nos chega dende Ordes da man dos Dios Ke Te Crew acompañados para a ocasión co cantautor punk Leo i arremecaghona.
A canción candidata é ‘Dame ighual’, do seu recén estreado disco Humanose. Unha canción chea da despreocupación propia deste tempo. Xa vos falara dela nunha entrada anterior.
Aquí a canción:
Xa vos vexo pola praia ou pola montaña, facendo o que vos pete e cantando “A min dame ighual!”. A que si?





Últimos comentarios